Categoría: Crónica

Nervios a flor de pel entre o Shappire e o Ibernón

Intenso encontro o que se viviu na noite de onte na pista de Candeán. O Sapphire e máis o Ibernón enfrontábanse nunha loita por achegarse ao liderato en solitario de Tuypan, aínda que o partido se cadra tiña máis valor para os vermellos, pois xa levaban un partido máis que o seu oponente.
Amado Alonso, o colexiado do encontro e que ademais tería gran importancia no resultado final, asubiou o comezo e, ao pouco tempo, Adri Castro adiantaba o seu equipo. Ademáis de patrocinador, tamén goleador. Nese intre, os verdes botaron man da súa mellor baza ‘Charlie’. A mala fortuna ceibouse ca escadra adestrada por Mingos Prieto, pois a súa estrela lesionábase ao pouco tempo de entrar no campo..
Ante un Gráficas Ibernón totalmente desmoralizado pola baixa, os ‘festeiros’, xa cos dentes longos, tentaron facer fenda na ferida, máis Andrés Seijo colleu o timón do equipo e, en dúas xogadas soberbias, deulle a volta ao electrónico. Cristian Vázquez puña a puntiña ao filo do descanso. Desta forma chegábase ao intermedio cun 1-3.
Tralo tempo de lecer, os do pub vigués concienciáronse na tarefa de frear os contragolpes que tanto dano lles fixeran no primeiro tempo; pola súa parte, os da imprenta confiaron en que a vantaxe lograda sería suficiente para facerse cos tres puntos. Gran erro. A segunda metade foi un continuo asedio dos vermellos e Uxío rapidamente recurtaba distancias. A falta de dez minutos Alberto Bastos igualaba a contenda. O Ibernón comezou entón a darse de conta de que, a este paso, lle verían a boca ao lobo e botaron man dalgún retraso nas reanudacións para gañarlle ao cronómetro, máis Amado Alonso foi estricto e, nunha destas, os verdes levaron da súa mediciña. O colexiado dictaminou que Veloso cometera infracción nun saque. Con picardía, Borja Aonso colleu o balón e apresurouse a poñelo en xogo, collendo á defensa do Ibernón nas minchas. Balón para Alberto Bastos que asiste a Omar que, a pracer, remonta o partido e pon a guinda ao pastel.

Goles: 1-0 Adri Castro, 1-1 Andrés Seijo, 1-2 Andrés Seijo, 1-3 Cristian Vázquez, 2-3 Uxío Caamaño, 3-3 Alberto Bastos e 4-3 Omar Berlier.

Árbitro: Alonso Alonso. Dirixiu con dilixencia e tranquilidade o partido. 8,5 normal.

MVP: Andrés Seijo.

Próximo encontro: 03/12/2019 ás 22:00 no pavillón de Candeán, Tuypan Team-Un CCARro de Balones, dirixido por Álvarez Calderón.

O Aletas, con pé e medio fora do Mundialiño Ar-Vi

O Aletas e o Real Chamartín enfrontábanse despois dunha semana de parón no Mundialiño Ar-Vi obrigado polas choivas que anegaron a pista de Candeán. Dous equipos que chegaban ao encontro sen máis opción que gañar, tras dúas xornadas nas que non conseguiron puntuar.

Nunha primeira metade con moitas alternativas, a parella formada por Rubén Extremadura e David Táboas foi a que estivo máis atinada e supuxo un 5-3 favorable para os brancos, aínda que o Aletas deu boas vibracións e, un resolutivo Javi Figueiredo, tirou do equipo cando máis o necesitaba e o mantivo no encontro, aló menos ata o descanso.

Sen embargo, despois do intermedio, Jorge Fojo entrou con moito ímpetu no partido e ampliou a vantaxe aínda máis. Foi entón cando aos amarelos lles apareceron as pantasmas dos últimos encontros e, dende entón, o xogo foi un continuo contrataque con moita superioridade dos merengues, que sumaron de forma seguida ata o 11-3. Nos últimos minutos, os canarios recurtaron distancias, aínda que xa era demasiado tarde.

Goles: 1-0 David Táboas, 1-1 Javi Figueiredo, 2-1 Rubén Extremadura, 3-1 Antonio Fernández, 3-2 David Ramos, 4-2 Rubén Extremadura, 4-3 Javi Figueiredo, 5-3 Jorge Fojo, 6-3 Jorge Fojo, 7-3 Antón Gamallo, 8-3 Rubén Extremadura, 9-3 Alberto Lorenzo, 10-3 Alberto Lorenzo, 11-3 Alberto Lorenzo, 11-4 Rubén Extremadura, en propia meta, 11-5 Diego Covelo e 11-6 Javi Figueiredo..

Árbitro: Manuel Barreira. Partido con poucas decisións a tomar. 8,4 normal.

MVP: David Táboas.

Próximo encontro: 26/11/2019 ás 22:00 no pavillón de Candeán, FC Shappire-Gráficas Ibernón Futsal, dirixido por Alonso Alonso.