Réxime Interno

 

REGULAMENTO DE RÉXIME INTERNO

ASOCIACIÓN PEÑA AR-VI DE ÁRBITROS DE FÚTBOL DE VIGO

 

CAPÍTULO I

DA ASOCIACIÓN EN XERAL

Artigo 1

Os bens materiais e inmateriais (logo e nome) permanecerán na asociación, ata a disolución da mesma, ao menos que se aprobe nunha Asemblea Ordinaria ou Extraordinaria por unha maioría absoluta de votos, das persoas presentes e/ou representadas, decidindo en caso de empate o voto de calidade do Presidente.

 

CAPÍTULO II

DAS PERSOAS ASOCIADAS

Artigo 1

Todo asociado que cause baixa sen xustificación por motivos de forza maior (incapacidade económica, enfermidade e outras causas a considerar pola Xunta Directiva) perdera a antigüidade na Asociación e non poderá solicitar unha nova alta no próximo período de inscricións, debendo agardar á segunda convocatoria dende a súa baixa. Os prazos de altas son nos meses de setembro-agosto (1er prazo da tempada) e xaneiro (2ºprazo da tempada).

Artigo 2

Todo asociado é representante da asociación en calquera actividade ou servizo relacionado ca mesma, deste modo, sempre terá un comportamento excelente nos eventos relacionados ca asociación. Establécense polo tanto unhas sancións para todo aquel que non respecte as normas básicas de comportamento, polo ben de cada un dos asociados e pola imaxe do colectivo.

Estas sancións serán aprobadas pola Xunta Directiva e despois de informar á persoa sancionada, o importe será aboado mediante un incremento do valor da seguinte cota.

A participación nas actividades obriga á aceptación e aprobación das sancións que a continuación se relatan. En caso de non aceptar o deber de aboar a sanción podería causar a prohibición de participar nas seguintes actividades ou a baixa inmediata da asociación. A Xunta Directiva valorará cada caso de forma individual.

Xerais:

  1. Chegar máis de 15 minutos a unha actividade sen xustificación previa 5€
  2. Non acudir a unha actividade na que se inscribiu sen xustificación previa 10€
  3. Abandonar unha actividade sen avisar a un membro da Xunta Directiva 10€
  4. Desobedecer a un organizador 10€
  5. Menosprezar a un compañeiro 15€
  6. Agredir a un compañeiro 50€

Competicións internas

  1. Abandonar a competición sen motivo xustificado 10€
  2. Amoestación por protestar 3€
  3. Expulsión por menosprezar ao árbitro 30€
  4. Expulsión por xogo brusco grave 15€
  5. Expulsión por conduta violenta 30€
  6. Expulsión por cuspir 50€
  7. Expulsión por empregar linguaxe e/ou xestos ofensivos, insultantes ou humillantes 30€

Competicións externas (nas que participen outras asociacións)

  1. Abandonar a competición sen motivo xustificado 20€
  2. Desobedecer ao adestrador 20€
  3. Amoestación por protestar 6€
  4. Expulsión por menosprezar ao árbitro 50€
  5. Expulsión por xogo brusco grave 30€
  6. Expulsión por conduta violenta 50€
  7. Expulsión por cuspir 75€
  8. Expulsión por empregar linguaxe e/ou xestos ofensivos, insultantes ou humillantes 50€

Todo asociado que cree un dano aboará o importe que custe sen estar exento doutras sancións. Estas non inhiben de tomar outro tipo de medidas como a baixa inmediata da asociación ao igual que calquera outra conduta incorrecta que non conste. A Xunta Directiva valorará cada caso de forma individual.

Artigo 3

Todo asociado que se inscriba a unha actividade e non poida asistir, deberá avisar cunha antelación mínima dun día e ter un motivo que xustifique a ausencia. No caso de non cumprir esta obriga deberá aboar o importe íntegro da actividade, salvo causas de forza maior que valorará a Xunta Directiva. Se a actividade requiría unha reserva e esta non pode ser rexeitada, o asociado deberá facerse cargo do importe da súa reserva se así o considera a Xunta Directiva.

Artigo 4

Todo asociado deberá estar ao día nos pagos para poder manter tódolos seus dereitos como son o de voto, a participación de actividades, asistir a Asemblea Xera e todos aqueles que establezan os Estatutos.

Artigo 5

Todo asociado que sexa menor de idade deberá entregar unha autorización escrita dos seus pais ou titores para participar en calquera actividade ou servizo prestado pola asociación.

Artigo 6

A tempada da asociación comeza o 1 de agosto de cada ano e remata o 31 de xullo.

Existen dous prazos para darse de alta na asociación. O primeiro deles levase a cabo nos meses de agosto-setembro e o segundo no mes de xaneiro. Todo aquel que comece a formar parte da asociación fora dos prazos establecidos co consentimento da Xunta Directiva non obterá a mesma subvención que o resto dos asociados.

Artigo 7

Os motivos para dar máis prioridade a uns asociados sobre outros en actividades con restricións nas inscricións son respectivamente: orden de inscrición na actividade en cuestión, antigüidade na asociación e categoría arbitral.

 

CAPÍTULO III

DOS ÓRGANOS DA ASOCIACIÓN

Artigo 1

Un asociado que non teña a maioría de idade non poderá representar ningún cargo da Xunta Directiva na Asociación.

Artigo 2

No caso de nomear nas eleccións un novo Presidente/a, o seu predecesor/a está na obriga de entregarlle tódolos documentos pertencentes a asociación así como a acta da Asemblea na que foi elixido nun prazo non superior a 7 días dende o día da elección, a fin de axilizar os trámites administrativos.

Os restantes membros da Xunta Directiva deberán facilitar aos seus substitutos, cando sexan nomeados polo Presidente/a, tódala información necesaria para o desenvolvemento do seu cargo.

Artigo 3

Nas Asembleas tanto Xeral como Extraordinaria todo asociado que non poida asistir e queira delegar o seu voto noutro,  deberá cubrir un documento dispoñible na web da asociación (www.ar-vi.es) acompañado dunha fotocopia do seu DNI e entregarlle a documentación ao Secretario/a da asociación ou enviala escanada mediante correo electrónico a arviasociacion@gmail.com, 24 horas antes do comezo da Asemblea. Se non se cumpre este procedemento non se poderá delegar o voto.

 

CAPÍTULO IV

RÉXIME ECONÓMICO

Artigo 1

As actividades realizadas na asociación poderán ter unha subvención no seu prezo para os asociados fundadores e de número.

Os asociados colaboradores e de honra poderán asistir as actividades abonando o seu custo integro. Non obstante, a Xunta Directiva valorará cada caso de forma individualizada na procura da mellor decisión para a asociación.

Cada asociado poderá levar acompañantes nas actividades (máximo 5) que deberán aboar o custo integro da actividade. Se o acompañante é menor de 12 anos o prezo da actividade será estudado pola Xunta Directiva, podendo ser menor que o establecido para un acompañante xeral.

Cada asociado e completamente responsable dos seus acompañantes.

Artigo 2

As cotas da asociación e o importe de actividades serán abonadas da seguinte forma:

  • As cotas e as actividades pasaranse mediante pago domiciliado cada dous meses o primeiro venres dos meses impares (excepto se o primeiro venres e día 1 do mes, neste caso pasaranse o segundo venres do mes).
  • Avisarase con 5 días de antelación ao envío do recibo mediante vía telefónica (Whatsapp, Sms…), no caso de imposibilidade de pago deberase informar da situación ao Tesorero ou ao Presidente 3 días antes do envío do recibo para evitar a devolución deste.
  • No caso de devolución do recibo notificarase ao asociado mediante correo electrónico e será a súa obriga ingresar na conta bancaria da asociación o importe pendente máis cinco euros (5€) por gastos bancarios ocasionados pola devolución.
  • Calquera asociado con recibos pendentes non poderá exercer ningún dos seus dereitos como asociado.

RECOÑECEMENTOS

A Xunta Directiva entregara os seguintes recoñecementos a os seus asociados durante unha actividade da Asociación:

  • Insignia de Ouro:

Todo asociado que permaneza na asociación de maneira ininterrompida durante 20 anos recibirá este galardón, sendo o máximo recoñecemento por parte da asociación aos seus asociados.

  • Insignia de Prata:

Todo asociado que permaneza na asociación de maneira ininterrompida durante 10 anos recibirá este galardón, sendo un gran recoñecemento por parte da asociación aos seus asociados.

  • Ascensos:

Todo asociado que acade un ascenso a final da tempada a Preferente Galicia, Asistente Específico de Terceira/Preferente ou calquera categoría superior recibirá un detalle por parte da Asociación a elección da Xunta Directiva.